Un endemismo escondido do pisoteo

Hai dous anos promovimos unha campaña intensa que pretendía facer entender aos veciños e ás administracións a necesidade de preservar os valores destas dunas. Previamente á campaña fixemos un estudo sobre esta duna, no que lle demos especial relevancia a un apartado referente á súa flora. Ao realizar un inventario exhaustivo da vexetación, comprobamos con certa decepción que faltaba una especie, quizais unha das máis simbólicas e representativas das dunas galegas, unha planta endémica (ou exclusiva mundialmente) do Oeste Peninsular que ademais, debido á destrucción sistemática das dunas nestas últimas décadas, xa desaparecera dunha boa parte dos areais galaico portugueses. Trátase do Iberis procumbens, ou carraspique, unha planta de duna, belísima. A mediados de xuño deste ano, na época de floración, demos unha volta polas dunas de Baltar, sin intención algunha, só para disfrutar das flores. A nosa sorpresa foi enorme.
No espazo que deixou ao descuberto a antiga pasarela, apareceron catro especies propias de duna que non estaban no catálogo, entre elas a nosa super star "Carraspique". Ademais apareceu unha lavanda (Lavandula stoechas) planta que nesta zona só se atopa en dunas, a herba de namorar (Armeria pubigera) e o Othantus marítimo, unha fermosa plantiña de follas verde azuladas e flores en cabezolas amarelas. Estas especies puideron resistir a sombra da pasarela, pero non o pisoteo, o desbroce e a falla de sensibilidade que se tivo ata agora con esta duna. Protexidas baixo a pasarela agardaron anos. Parece que agardaron por nós e agora nos dan a alegre nova. Noraboa plantiñas, seguiremos loitando por vos.

0 Comments:
Post a Comment
<< Home