2.8.06

As dunas de Baltar, segadas un ano máis

O mes pasado o CES estivo a actualizar o inventario da flora das dunas de Baltar, a raíz do descubrimento de especies botánicas de gran valor coma o Carraspique (Iberis procumbens) planta protexida por ser un endemismo (área de distribución moi localizada) da costa atlántica da peninsula ibérica que, xunto coa lavanda (Lavandula stoechas) e a herba de namorar (Armeria sp.,) apareceu recentemente na zona ocupada pola pasarela antiga de Baltar. Este descubrimento fixémolo público á prensa o 26 de xuño.

A pasarela, agora retranqueada polo plan de mellora ambiental do Servicio de Costas, salvou a estas especies da súa desaparición na zona debido á protección que lle proporcionaba tanto das pisadas da xente coma dos cortes da desbrozadora que anualmente segaba as “malas herbas” da parte interna da duna.

Este ano, fai dúas semanas, as segadoras do concello de Sanxenxo volveron a golpear a flora das dunas, facendo caso omiso do citado descubrimento de plantas protexidas. O Concello segue a manter a actitude de anos anteriores, cando dicía que as dunas de Baltar xa non teñen valor florístico. Seguen así as dunas a ser tratadas coma unha zona de simple céspede dun parque urbán, sen aínda decatarse de que é un espazo natural e unha xoia botánica e paisaxística que recibe a todos os veciños e visitantes do pobo de Portonovo.

O CES está convencido de que cunha boa xestión do espazo, podería compatibilizarse a súa conservación e o uso con fins de ocio, desbotando dunha vez por todas actuacións nocivas coma os desbroces anuais ou o seu uso coma zona multiusos que alteran e impiden a recuperación da flora propia do lugar.



24 de xullo de 2006

0 Comments:

Post a Comment

<< Home