O Colectivo Ecoloxista do Salnés alega contra o PXOM de Meaño por considerar que incumple a lexislación
O Colectivo Ecoloxista do Salnés ven de entregar no Concello de Meaño as alegacións correspondentes á revisión e ampliación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Meaño, así como ao Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA) a el asociado.
Así, o CES elaborou dous documentos, presentados no rexistro do Concello o luns 29 de decembro:
- Un con 14 alegacións ao propio PXOM.
- Outro documento con 16 revisións e alegacións ao ISA deste PXOM.
Como conclusión global do CES, unha vez avaliados os Plans e Informes citados, é que este PXOM incumpre a lei do solo.
Cabe destacar certas reclamacións do CES con respecto a este Plan, como son:
- Con respecto á zona de desembocadura do río da Chanca, único litoral do municipio, espazo incluído na Rede Natura 2000, reclámase:
· Que nesta zona e arredores (dentro dos límites da protección costeira) non se promova o axardinamento e transformación desta paisaxe natural, e que todas as actuacións se adapten ao Decreto 127/08 de Humidais Protexidos de Galicia. Asimesmo, reclámase que se protexa a paisaxe agraria da zona como sinal de identidade. A este respecto, O CES propón actividades educativas e de restauración desta paisaxe.
· Que se aproveite a Planificación para realizar unha reordenación da industria alimentaria presente nesta zona (causante hoxe de verteduras ao humidal), apoiando o seu traslado (ás áreas industriais xa existentes ou ás previstas no propio PXOM).
· Que non se amplíe a pista litoral, favorecendo o seu uso peonil fronte aos vehículos a motor.
- Respectar as marxes de ribeira e a súa vexetación (evitando canalizacións e alteracións da canle e o ecosistema asociado), ante o seu papel como protección ante enchentes e na conservación de paisaxe e biodiversidade. En moitos casos, non se respecta a franxa de 100 m que contempla a lei do solo, como é o caso do polígono de Dadín ou en diversos puntos dos ríos da Chanca, Francón e Fondón. O CES reclama que a franxa de protección dos ríos se amplíe a 30 m como mínimo nos solos urbanos, como medida de protección fluvial e como previsión de inundacións nas beiras. Por exemplo, na confluencia dos ríos da Chanca e Fondón, zona con antecedentes de enchentes e alto risco de inundación, o PXOM prevé construír unha praza de abastos (mesmo sen ter solicitado os informes pertinentes a Augas de Galicia, incumprindo a Lei de Augas), actuación que o CES considera improcedente polo exposto.
- En canto á previsión do parque empresarial de Dadín, o CES considera que esta actuación debe ser revisada: o PXOM contempla a ampliación do polígono industrial da Pedreira, podendo ser suficiente para cubrir as necesidades existentes en canto a solo industrial (mesmo o actual polígono da Pedreira leva anos con parcelas desocupadas). Asimesmo, o CES presentou un estudo ornitolóxico da zona de Dadín afectada por dito polígono: este, ademais de afectar á rede hidrolóxica da zona, afectaría a máis de 100 especies diferentes de aves, incluíndo 51 especies de interese especial dentro do Catálogo Nacional de Especies Amenazadas, como a aguia cobreira (Circaetus gallicus) e o reiseñor (Luscinia megarhynchos).
- O cumprimento da Lei de ordenación urbanística 9/2002, en especial no que se refire á recalificación de zonas de solo rústico como solo urbano, evitando actuacións como as previstas para as inmediacións do núcleo de Dena, onde se contemplan recalificacións incompatibles coa lexislación vixente e impactando na paisaxe litoral de Meaño.
Con respecto ao Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA), documento requirido pola Consellería de Medio Ambiente como ferramenta para acadar unha ordenación compatible co medio, o CES considera que o ISA presentado polo Concello non obedece a estes fins, senón a xustificar os impactos causados polo PXOM. Moitos destes exemplos están expostos anteriormente, casos para os que o ISA non achega alternativas nin medidas correctoras. No ISA débense cuantificar os efectos ambientais derivados da aplicación do PXOM; o CES considera que a valoración presente neste ISA é sempre xeral, pouco fundamentada e cun resultado infravalorado. Neste ISA, ademais, non se ven plasmadas algunhas recomendacións básicas da Consellería de Medio Ambiente, tan importantes como:
- Realizar un inventario das emisións contaminantes do municipio, e medidas preventivas.
- Establecer unha zona de transición na franxa litoral.
- Reducir o consumo enerxético e a contaminación luminosa do alumeado público.
- Prever solo para infraestruturas de enerxías renovables.
- Reservar espazos para implantar colectores de residuos.
- Prever espazos para a recollida de residuos valorizables e especiais, do agro e da industria.
- Recoller analítica dos puntos de vertido a ríos e costa, e establecer un sistema de control.
- Establecer no solo urbanizable unhas porcentaxes mínimas de zonas sen impermeabilizar.
- Mellorar os aspectos ambientais das comunicacións viarias.
O CES tamén considera que os sistemas de indicadores proposto no ISA para o Plan de Seguimento Ambiental do PXOM incumpre os preceptos marcados pola Consellería.
Así mesmo, o CES vai presentar estas alegacións ás consellerías competentes (Medio Ambiente e Ordenación Territorial) para que actúen ao respecto, evitando a aprobación do PXOM ata que se teñan en conta estes aspectos e se fagan as correccións pertinentes que permitan cumprir a forma e fondo da lexislación vixente.
O Salnés, a 10 de xaneiro de 2009.
Labels: Meaño, notas de prensa, urbanismo
0 Comments:
Post a Comment
<< Home