11.5.08

O Colectivo Ecoloxista do Salnés outorga un suspenso aos informes de sostibilidade ambiental (I.S.A.) dos SU-13 e SU-14 en Monte Faro, Sanxenxo

O CES vén de presentar alegacións a ambos ISA, nos que detectou diversos fallos, tanto na estrutura do documento como na valoración dos seus efectos sobre o medio ambiente.

Unha obriga legal. Como consecuencia da transposición das Directivas da UE á lexislación estatal e autonómica(1), establécese que ditos plans parciais (SU-13 e SU-14) deben pasar o trámite da Avaliación Ambiental Estratéxica, ao non pasalo o PXOM (anterior a esta norma). O proceso esixe que os promotores do plan parcial presenten un I.S.A. onde se avalíen os efectos do mesmo en base a unha serie de criterios (efectos no solo e augas, enerxía, emisións contaminantes, xestión de residuos, actividades económicas, integración social, medio natural, paisaxe, medio urbanizado, patrimonio, vivenda e mobilidade). Dito informe debe pasar o visto bo da Consellería de Medio Ambiente para que os plans parciais sexan aprobados definitivamente.

O derradeiro enclave forestal do municipio. Estes plans parciais prevén a urbanización e construción de vivendas nun monte ata o de agora intacto e que supón unha das escasas masas forestais do concello. Isto supón un impacto moi negativo e irreversible, tanto na ocupación do solo como a nivel paisaxístico. Unha xestión forestal sostible da zona permitiría diversificar a economía do concello (hoxe demasiado dependente dun só modelo de turismo), e manter e mellorar o seu atractivo paisaxístico.

Urxe revisar o PXOM. Para evitar tal desfeita deberíase facer unha revisión e modificación do PXOM, tal e como solicitamos nas alegacións presentadas, e reclasificar ambos sectores a solo rústico de protección forestal. Dita revisión ou modificación é legalmente posible(2), no caso de que non se cumpran as circunstancias e previsións iniciais en canto a crecemento demográfico e demanda de vivenda. O CES nunca estivo de acordo con ditas previsións, que xa dende o momento da tramitación do PXOM (ano 2003) consideramos esaxeradas e fóra da realidade, motivo polo cal presentaramos alegacións a todo o PXOM, e entre elas, á realización destes proxectos nos SU-13 e SU-14. Porén, ditas alegacións non foron tidas en conta, e inexplicablemente, a Consellería de Política Territorial deu o visto bo a un PXOM que contradicía os propios principios da Lei 9/2002: “garantir o uso sostible do territorio e preservar o patrimonio natural, así como favorecer o acceso da poboación á vivenda”. Lonxe disto, o PXOM de Sanxenxo permite realizar aberracións paisaxísticas como as que nos ocupan, ou as aprobadas e en execución no caso da Granxa e Festiñanzo: o CES tamén alegara no seu día contra estes proxectos, que seguiron adiante.

Un municipio urbanizado dabondo. A oferta de vivenda neste concello supera amplamente á demanda, sendo inxustificable un proxecto no que grande parte das vivendas serán adicadas a segunda residencia (como se recolle no propio documento). Esta teima do goberno local en orientar o municipio cara á construción de segundas residencias está na base de problemas socioeconómicos, ao teren que marchar moitos mozos a outros municipios para poderen acceder a unha vivenda.

Un modelo turístico caduco. O CES alega tamén, por insostible, contra a pretensión dun campo de golf de 65 Ha no SU-13: 8 horas diarias de rego (cos efectos consecuentes nos pozos e agricultura da zona), emprego abusivo de pesticidas, perda de diversidade biolóxica e paisaxística... Buscando no golf unha chave para desestacionalizar o turismo, argumento base de sonoros fracasos (Meis - Castrove, Domaio...) e hipotecando un dos principais recursos turísticos da comarca: a súa paisaxe e valores naturais (pois así o reflicten os inquéritos realizados entre os turistas que nos visitan).
A desestacionalización do turismo pasa por preservar e poñer en valor os nosos importantes valores naturais, atraendo ao mercado do turismo ecolóxico.

Dende o CES reclamamos:

- A aceptación das alegacións presentadas.

- A aceptación das alegacións presentadas.

- A revisión do PXOM de Sanxenxo.

- A protección do Monte Faro fronte á urbanización, orientando esta zona cara actividades forestais sostibles que integren as súas funcións económicas e paisaxísticas.

- O desenvolvemento de modelos turísticos sustentables, baseados na enorme riqueza ambiental e patrimonial da comarca, fuxindo de crear artificiais e vulgares copias doutros lugares.

- Maior valentía e implicación, por parte da administración autonómica, na redacción e aplicación das leis sobre territorio, ambiente e paisaxe.

Notas
(1): Lei 9/2006, sobre efectos de determinados plans e programas sobre o medio ambiente.
Lei 6/2007 de medidas urxentes en ordenación do territorio e do litoral
(2): Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Labels: ,

0 Comments:

Post a Comment

<< Home