Para o CES o Río Umia debe integrarse na xestión do territorio
A verdadeira catástrofe do río Umia, ao igual que todos os ríos e regatos do Salnés, é o xeito no que está a ser tratado e xestionado (como se se tratara dunha cloaca a ceo aberto) como se evidenciou estes días co vertido de Brenntag. O CES considera que esta empresa, ao igual que calquera outra, debería estar ubicada nun polígono industrial ben dotado de medios e de protocolos de actuación ante casos de perigo ás persoas e ao medio. Ese debería ser a razón de ser dos polígonos, e non as guerras entre os concellos para ver quen ten o polígono máis grande. Así os polígonos, ademais de aportar unha boa infraestructura e rede de comunicacións ao sector empresarial, deben aglutinar as empresas para minimizar o seu impacto no medio (un sistema de depuración de augas conxunto, evitar o impacto visual que ocasiona a dispersión de empresas e naves, plans conxuntos de emerxencias que complementen aos propios de cada empresa, facilitar o control ambiental e sanitario por parte da administracións...).
O Umia leva sufrindo dende anos atrás unha grande cantidade de impactos e vertidos, e sen que o feito de estar falando dun río-arteria que sirve de auga aos concellos do Salnés, pareza que importara nen ao sector empresarial nin ás administracións locais nin autonómicas. Esta situación levou ao Umia a sufrir altas concentracións de fosfatos, canalizacións, recheos, repetitivos e case periódicos vertidos contaminantes (domésticos e industriais) en distintos puntos do seu cauce (Ribadumia, Cambados,...). A aparición de peixes mortos, asfixiados pola reducción de osíxeno disolto que estes vertidos provocan xa non é unha estampa casual, senón algo que se está a facer moi común. Esta situación levou incluso á propia Deputación de Pontevedra a encargar un estudio onde se inventariaron 177 focos contaminantes; pero ahí parece que se quedou a cuestión, pois non se coñecen as medidas correctoras aplicadas ao respecto. ¿Quedámonos tranquilos localizando impactos e non se actúa para evitalos ou minimizalos? .
Ante o caso de contaminación que causou o incendio da empresa Brenntag, a rapidez de actuación a nivel técnico para controlar e neutralizar a contaminación foi crucial na eficacia que parece está a ter estas medidas de control. Mais este éxito da metodoloxía empregada non debe solapar os efectos negativos que está a ter este vertido e as propias medidas de control, que deben ser atalladas unha vez pase esta fase de decisións de emerxencia. A este respecto o CES cree que hai varios aspectos sobre os que administración debe actuar:
• Efectos na fauna e flora fluvial. A administración deberá facer un inventario e un análise de cantidades e especies máis afectadas, así como levar a cabo a retirada inmediata da fauna e flora morta, polo risco de ser inxerida por animais introducindo así o contaminante na rede trófica. Ademais debe ser analizado o comportamento dos anfibios e tamén, e de xeito pormenorizado, o impacto do vertido na poboación de lontras que existía nos arredores da zona afectada.
• Efectos nas ribeiras. As obras de canalización para abastecemento de auga potable ao lado da ribeira, así como os movementos de terra provocados pola construcción dos diques e balsas, debe analizarse o seu impacto e tomar as medidas oportunas para minimizar os seus efectos na vexetación de ribeira, crucial para a vida do río.
• Analizar as augas do tramo inferior ao contaminado, e varias estacións de mostreo dispersas dende a zona cero ata a desembocadura do Umia, para así valorar en conxunto o grao de eficacia da metodoloxía empregada. Non debemos esquecer que este río inflúe de xeito enorme na dinámica natural de toda a enseada do Bao, zona núcleo del espacio protexido como Lugar de Importancia Comunitaria do Complexo Ons- O Grove.
Máis alá das medidas de control puntuais que nos levou o incendio de Brenntag, a situación dos ríos do Salnés debe remover consciencias e dunha vez por todas levar a cabo unha ordenación dos usos das augas e das ribeiras dos ríos e regatos, así como perseguir xudicialmente a todos aqueles (particulares, empresas e mesmo Concellos) que vertan aos ríos sen previa e adecuada depuración, deixando atrás xa, dunha vez por todas, a política da vista gorda.
7 DE SETEMBRO DE 2006
0 Comments:
Post a Comment
<< Home