22.7.07

"Unha barbaridade con pichón"


Unha carta ao director.
20 de xullo de 2007
La Voz de Galicia Edición Arousa. páxina Local-11

Labels: ,

17.7.07

MANIFESTO: ALTO Á BARBARIE DO TIRO AO POMBIÑO

MANIFESTO

ALTO Á BARBARIE DO TIRO AO POMBIÑO
Sábado 14 de xullo de 2007, O Grove


Bos días, amigos e amigas, e grazas por apoiar este acto de protesta. En especial, agradecemos a colaboración das seguintes entidades que apoiaron a campaña: Federación Ecoloxista Galega, ADEGA, AMIGOS DA TERRA,APDR, COTO DO FRADE, MATARPORMATAR NON, LUITA VERDE, RIDIMOAS, SGEA, SGHN-Pontevedra, VERDEGAIA, VAIPOLORÍO, APADAN, Asoc protectora ABEIRO, Asoc. COMETA, Asoc. GATOCÁN, Asoc. OS PALLEIROS, Asoc.Protectora de Cans e Gatos de OURENSE, Asoc. Protectora de Animais VERDUXO, Asoc. protectora de animais SEN FRONTEIRAS, Unión de Protectoras de Animais Federadas de Galicia e as Asoc. protectoras de animais de: BAIONA, BARBANZA, CAMBADOS, LUGO, MARÍN E VIGO.

A moi poucos metros de aquí estase a celebrar un campionato de tiro “al vuelo”, eufemismo baixo o que se agocha mutilar e masacrar a tiros a milleiros de crías de aves indefensas para satisfacción duns mal chamados “deportistas”. Estas aves percorreron centos de quilómetros por estrada, e logo de sérenlle recortadas as plumas da cola para que non podan dirixir o seu voo, sóltanse xusto diante do tirador. E a isto chámanlle deporte?

Esta práctica cruel e aberrante supón, ademais, a contaminación durante décadas da nosa ría con quilos e quilos de perdigóns de chumbo, que envelena aos nosos mariscos e aves nun espazo natural de incalculable valor, protexido internacionalmente. Para isto, sáltanse constantemente a lei mediante artificios, contando coa complicidade dunha administración covarde en materia ambiental.

Argumentan os organizadores que o campionato é bo para o turismo, que deixa cartos na vila e que lle dá renome á Toxa. Vese que non valoran á comarca na súa medida, que non aprezan a súa beleza e valores. Acaso non ten recursos A Toxa para atraer a un turismo máis san? E se fose así, que levan feito ata o de agora xestores privados e públicos por buscar novas vías de atracción a unha comarca chea de posibilidades sen explotar? Que non se escuden no movemento de cartos: o furtivismo, o tráfico de armas, de drogas e de especies protexidas tamén moven enormes cantidades de cartos, mais non deixan de ser inmorais, e ilegais na maior parte dos países civilizados.
Os organizadores, e certos sectores locais, rozan o ridículo cando falan de que este campionato axuda a “desestacionalizar” o turismo... En pleno mes de xullo? Se xullo é temporada baixa... cando é alta?

Reclamamos que este ano sexa a última vez que se celebre este vergoñento certame. Por cruel, por indigno, por ilegal, por inmoral, por contaminante, por denigrar a imaxe da comarca e por afectar ás aves migratorias. Existen alternativas aos perdigóns de chumbo, e en lugar de pombiños mutilados pódense empregar pratos ou hélices.
Pedímoslle á Consellería de Medio Ambiente que non volva dar unha soa autorización máis para campionatos de tiro ao pombiño, e que deixe de escudarse nunha lei de protección dos animais que a todas luces xa está anticuada. Na man da administración está cambiala e mellorala. Por que se tarda tanto? E que nos escoiten entre o ruído dos tiros: alto á barbarie do tiro ao pombiño, Xa!

máis fotografías da concentración do tiro ao pombiño

Algunhas fotos máis da concentración do sábado 14 de xullo para conseguir a prohibición e sanción da actividade do tiro ao pombiño.




Labels:

ASÍ FOI A CONCENTRACIÓN DO TIRO AO POMBIÑO

Vaia plan para un sábado, sabadete! Pensar que en pleno século XXI aínda teñamos que saír á rúa a protestar por que segue habendo xente que se divirte matando dun xeito tan covarde?.

Mais alí estabamos unhas 80 persoas vidas non só da comarca, senón que tamén recibimos apoios de asociacións de toda Galicia, as que dende o CES non nos cansamos de darlles as GRACIAS!!!! polo seu apoio á campaña e polo esforzo de achegarse ao Grove dende Vigo, Ourense, Santiago, Carballiño, Pontevedra …

A concentración tivo moita repercusión na prensa local, saíndo na portada da edición de Arousa da Voz, do Faro e de Diario de Arousa.

Aquí tendes algunhas fotos do día, que intentamos fora alomenos divertido, dentro da seriedade da protesta.




Labels: ,

15.7.07

Pombiños: pío, pío.
Escopeteiros: pum, pum.

Un avance da crónica do sábado:

Labels: ,

12.7.07

Novos grupos ecoloxistas apoian a campaña contra o tiro ao pombiño (+1)


Actualizamos a lista:
FEG, ADEGA, AMIGOS DA TERRA, APDR, COTO DO FRADE, "MATAR POR MATAR NON", LUITA VERDE, RIDIMOAS, Sociedade Galega de Historia Natural-Pontevedra, VERDEGAIA, VAIPOLORÍO, APADAN, Asociación protectora ABEIRO, Asociación COMETA, Asociación GATOCÁN, Asociación OS PALLEIROS, Asociación. Protectora de Cans e Gatos de OURENSE, Asociación protectora de animais SEN FRONTEIRAS, Asociación VERDUXO, UPAFGA e as Asociacións protectoras de animais de: BAIONA, BARBANZA, CAMBADOS, LUGO, MARÍN e VIGO.

NOVA ACTUALIZACIÓN (13 xullo): Tamén apoia a campaña a SGEA (Sociedade Galega de Educación Ambiental

Lembra: O sábado 14 ás 12 no paseo de beiramar (ver a noticia anterior para o programa detallado)

E para apoiar a campaña envía esta imaxe aos correos indicados na noticia anterior:

mvazquezf@xunta.es
dxcn@xunta.es
sxma@xunta.es

Reenvía e difunde esta postal entre os teus coñecidos.

Para evitar as longas cadeas de enderezos electrónicos que facilitan
o correo-lixo (spam), coloca os enderezos de envío na liña de
dirección oculta (Cco ou Bcc) en lugar de Para (ou To). Deste xeito
cada un dos teus coñecidos recibirá a mensaxe sen acumular as outras
direccións.

Labels:

9.7.07

Envía esta POSTAL ELECTRÓNICA… e ven o sábado 14 á CONCENTRACIÓN no Grove


Se estás contra o sufrimento e o maltrato innecesario aos animais…
se estás contra a agresión ao medio que representan os perdigóns de
chumbo na Enseada do Bao, na Illa da Toxa…

ENVÍA ESTA POSTAL ELECTRÓNICA á Consellería de Medio Ambiente para deter o tiro ao pombiño:



CONCENTRACIÓN no Paseo de Beiramar do Grove diante da Ponte da Toxa
SÁBADO 14 de XULLO ás 12 horas
1. Parodia do tiro ao pombiño
2. Lectura dun manifesto
3. Andaina ata as inmediacións do Campo de Tiro, co afán de que nos escoiten, non de sabotearlles o campionato
4. O Colectivo Ecoloxista convidará a empanada no parque público central da Illa da Toxa


COLECTIVO ECOLOXISTA DO SALNÉS
Apoian: Federación Ecoloxista Galega, ADEGA, VERDEGAIA, LUITA VERDE, VAIPOLORÍO, APDR, APADAN, Asociación GATOCÁN, Asociación de Acollida de Cans OS PALLEIROS, Asociación. de Protección de Animais ABEIRO, Asociación Protectora de Animais SEN FRONTEIRAS, SGHN-Pontevedra, "MATARPORMATAR NON" e COTO DO FRADE.

Os organizadores do campionato do tiro ao pombiño están a incumplir as condicións de autorización do evento

Este ano, tras unha ampla polémica social, a Consellería de Medio Ambiente e a Subdelegación de Goberno deu a autorización á Federación de tiro ao vuelo e aos promotores hosteleiros de A Toxa (Hotel Hesperia) para a celebración do “Campeonato de Tiro al pichón” nos días 6 ao 15 de xullo.

Máis esta autorización comprometía aos organizadores a cumplir uns requisitos que a Consellería de Medio ambiente impuxo:
- a substitución da munición de chumbo por outra (de porcelana ou de aceiro),
- instalación de pantallas protectoras eficaces, para evitar a caída de perdigóns ao intermareal do Humedal Protexido Umia- O Grove, onde non se pode empregar a caza con perdigóns de chumbo..

Nembargantes os promotores a día 2 de xullo de 2007, mediante unha nota de prensa manifestaron que non empregarán munición de chumbo e que o único que farán é presentar a nova munición “ecolóxica”.

Por isto o CES considera que estan incumplindo, denantes mesmo de empezar co campionato, as condicións da autorización provisional que lles concederon as administracións competentes, poñendo así en evidencia, un ano máis, o pouco respecto que a “Federación de Tiro al vuelo” e os coorganizadores teñen polas leis e a autoridade administrativa.

Así, o CES solicitará mediante un escrito á Consellería de Medio Ambiente, que lle retire a autorización concedida por incumplimento das condicións. No caso de que o campionato se faga igualmente solicitamos que se lles sometan a vixiancia exhaustiva no que respecta á caída de perdigóns de chumbo ao humedal protexido e se proceda á emitir as sancións convintes e á reparación ambiental do entorno.

Labels: ,