O CES pregunta aos alcaldes do Salnés sobre o funcionamento dos puntos limpos do lixo doméstico
O Colectivo Ecoloxista do Salnés está a pescudar sobre o funcionamento dos Puntos Limpos, lugares adaptados e adecuados ambientalmente para a recollida selectiva dos residuos perigosos e voluminosos de orixe doméstico, complementando así aos contenedores de recollida selectiva de materiais inocuos (vidro, papel, plásticos...)
Estes puntos, que deberían ser coñecidos e empregados por tódolos cidadáns que quixeran desprenderse de materiais perigosos, coma lámpadas fluorescentes ou pinturas, así coma mobles ou electrodomésticos, seguen a ser uns grans descoñecidos para os veciños, a pesar de levar anos inaugurados. Rapidamente asaltan as preguntas ¿a onde van parar eses residuos perigosos? ¿ao lixo normal, impedindo calquera xestión sostible deles? ¿aos nosos montes, regatos e recunchos do noso litoral? ...
A Consellería de Medio Ambiente, no seu Plano de Recollida Selectiva de Residuos Urbáns, tiña como obxectivo para finais do 2006, a implantación dun Punto Limpo por cada concello de máis de 5000 habitantes. Os concellos faríanse cargo da súa xestión e mantemento posterior.
O CES enviou o 11 de xullo unha carta a cada un dos Alcaldes-Presidentes dos Concellos de máis de 5000 habitantes da comarca do Salnés (O Grove, Sanxenxo, Cambados, Vilanova, Vilagarcía e Illa de Arousa) para interesarse e informarse do funcionamento destes Puntos Limpos. Os aspectos sobre os que o CES require información son:
• Dirección, nº de teléfono e horario no que permanece aberto.
• Persoal que o atende (dados cuantitativos).
• Tipo de sistema de recollida dos residuos (particular ou organizado polo concello).
• Destino do material almacenado, en especial dos residuos tóxicos ou perigosos.
• Tipo de información que se lles facilita aos cidadáns sobre a presenza e funcionamento do punto Limpo no seu Concello.
• Dados das cantidades recollidas (de cada tipo de sección de residuos) ata a actualidade no Punto Limpo do seu Concello.
¿De que vale instalar un Punto limpo se logo a xente non o usa e se sempre está pechado?. A responsabilidade da boa xestión dos nosos residuos é de todos, comezando por un mesmo, mais é responsabilidade das administracións locais e autonómicas, poñer os medios e ferramentas para poder facelo, así como informar e concienciar á cidadanía sobre a importancia que ten a súa colaboración.
24 de Xullo de 2006