7.7.08

Paralizado o recheo da lagoa Fianteira

Segundo informa o Diario de Arousa o mércores, 2 de xullo, a Xerencia de Urbanismo do Concello de Sanxenxo paralizou o recheo da lagoa de Fianteira, na parroquia de Vilalonga.

Seguiremos informando.
Infórmate na hemeroteca do Diario de Arousa

Labels: , , , ,

1.7.08

O CES esixe a paralización inmediata dos recheos que Cerámica Campo está levando a cabo na lagoa da Fianteira.




Nos últimos días a empresa Cerámica Campo está facendo recheos de terra a gran velocidade na lagoa da Fianteira, pola súa zona central.

Dende o CES, de novo con indignación, esiximos á consellería de Medio Ambiente que nos informe de se teñen autorización para facelo. Aínda que así fora, esiximos explicacións e a paralización inmediata de dita actividade por ser totalmente incompatible coa conservación da lagoa.

Dita lagoa, ademais de estar dentro da zona de protección da Rede Natura e do Humidal Protexido Umia- O Grove, ten unha gran importancia ecolóxica, pois entre outras desempeña as funcións de servir de refuxio para uns 500 ánades reais que mudan nela a súa plumaxe, e lugar de durmida durante o inverno doutras 500 cercetas, así como garzas, garcetas e porróns que pasan o día na zona de Dena. Ademais trátase do único lugar de cría de Martiño Peixeiro no Salnés. Ao lugar tamén acuden a alimentarse bandadas de anduriñas e os avións que crían na zona de Portonovo. Todo isto en canto á avifauna, pero é que ademais está constatada a presenza de varias especies de anfibios e peixes (entre eles, indicios da especie protexida Gasterosteus aculeatus ou espiñento), así como mamíferos que van en busca de alimento como morcegos, coellos, raposos e a cada vez máis escasa lontra.

As agresións que Cerámica Campo está a efectuar no lugar son continuas e remóntanse a varios anos atrás, cando xa se comenzara un recheo parcial que logo se detivo. Máis recentemente, no verán do 2007 realizouse unha tala de salgueiros dunha grande extensión nas inmediacións da mesma sen a autorización pertinente de Medio Ambiente, co obxectivo de continuar coa extracción de arxilas na zona. No seu momento, o CES preguntou á Consellería se a empresa contaba coa autorización necesaria para seguir extraendo arxilas, sen acadar resposta ata o de agora.

Preguntámonos por que a consellería é tan permisiva con esta industria, e de que serve protexer un espazo dobremente (a nivel galego e europeo) se logo se permite a súa destrucción sen máis. Neste sentido queremos recordar que hai quince anos que debería estar aprobado o P.O.R.N. (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais) deste espazo, ferramenta imprescindible para delimitar en que lugares a extracción de arxilas sería compatible coa conservación e en cales non.

En calquera caso, o réxime xurídico dos humidais protexidos de Galicia, prohíbe as actividades que poidan producir o desecamento ou a alteración hidrolóxica do humidal, así como as verteduras sólidas e líquidas de calquera natureza que afecten de forma negativa á calidade das augas, e tamén as modificacións da cubeta e das características morfolóxicas do humidal, o recheo do humidal con calquera tipo de material, así como a alteración topográfica da súa zona periférica de protección.

Resulta evidente que un recheo, do que descoñecemos que dimensións terá, atravesando a lagoa producirá un ou varios deste tipo de impactos. Só esperemos que, facendo cumprir a lei, se paralice a tempo para non ter que comprobalo cando sexa demasiado tarde.

Labels: , , , ,