7.7.08

Paralizado o recheo da lagoa Fianteira

Segundo informa o Diario de Arousa o mércores, 2 de xullo, a Xerencia de Urbanismo do Concello de Sanxenxo paralizou o recheo da lagoa de Fianteira, na parroquia de Vilalonga.

Seguiremos informando.
Infórmate na hemeroteca do Diario de Arousa

Labels: , , , ,

1.7.08

O CES esixe a paralización inmediata dos recheos que Cerámica Campo está levando a cabo na lagoa da Fianteira.




Nos últimos días a empresa Cerámica Campo está facendo recheos de terra a gran velocidade na lagoa da Fianteira, pola súa zona central.

Dende o CES, de novo con indignación, esiximos á consellería de Medio Ambiente que nos informe de se teñen autorización para facelo. Aínda que así fora, esiximos explicacións e a paralización inmediata de dita actividade por ser totalmente incompatible coa conservación da lagoa.

Dita lagoa, ademais de estar dentro da zona de protección da Rede Natura e do Humidal Protexido Umia- O Grove, ten unha gran importancia ecolóxica, pois entre outras desempeña as funcións de servir de refuxio para uns 500 ánades reais que mudan nela a súa plumaxe, e lugar de durmida durante o inverno doutras 500 cercetas, así como garzas, garcetas e porróns que pasan o día na zona de Dena. Ademais trátase do único lugar de cría de Martiño Peixeiro no Salnés. Ao lugar tamén acuden a alimentarse bandadas de anduriñas e os avións que crían na zona de Portonovo. Todo isto en canto á avifauna, pero é que ademais está constatada a presenza de varias especies de anfibios e peixes (entre eles, indicios da especie protexida Gasterosteus aculeatus ou espiñento), así como mamíferos que van en busca de alimento como morcegos, coellos, raposos e a cada vez máis escasa lontra.

As agresións que Cerámica Campo está a efectuar no lugar son continuas e remóntanse a varios anos atrás, cando xa se comenzara un recheo parcial que logo se detivo. Máis recentemente, no verán do 2007 realizouse unha tala de salgueiros dunha grande extensión nas inmediacións da mesma sen a autorización pertinente de Medio Ambiente, co obxectivo de continuar coa extracción de arxilas na zona. No seu momento, o CES preguntou á Consellería se a empresa contaba coa autorización necesaria para seguir extraendo arxilas, sen acadar resposta ata o de agora.

Preguntámonos por que a consellería é tan permisiva con esta industria, e de que serve protexer un espazo dobremente (a nivel galego e europeo) se logo se permite a súa destrucción sen máis. Neste sentido queremos recordar que hai quince anos que debería estar aprobado o P.O.R.N. (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais) deste espazo, ferramenta imprescindible para delimitar en que lugares a extracción de arxilas sería compatible coa conservación e en cales non.

En calquera caso, o réxime xurídico dos humidais protexidos de Galicia, prohíbe as actividades que poidan producir o desecamento ou a alteración hidrolóxica do humidal, así como as verteduras sólidas e líquidas de calquera natureza que afecten de forma negativa á calidade das augas, e tamén as modificacións da cubeta e das características morfolóxicas do humidal, o recheo do humidal con calquera tipo de material, así como a alteración topográfica da súa zona periférica de protección.

Resulta evidente que un recheo, do que descoñecemos que dimensións terá, atravesando a lagoa producirá un ou varios deste tipo de impactos. Só esperemos que, facendo cumprir a lei, se paralice a tempo para non ter que comprobalo cando sexa demasiado tarde.

Labels: , , , ,

29.5.08

O Colectivo Ecoloxista do Salnés propón melloras ao Plan do Revel (Vilalonga, Sanxenxo)


O Colectivo Ecoloxista do Salnés ven de entregar no Concello as alegacións correspondentes ao Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA) relativo ao Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións de O Revel, en Vilalonga. Este Plan contempla a construción de equipamentos públicos (gardería, centro para maiores, campo de fútbol, etc), sendo promovido polo Concello de Sanxenxo.

O fundamento dos ISA é minimizar o impacto sobre o medio, avaliando diversas posibilidades.

Sen cuestionar a necesidade de ditas infraestruturas, criticamos duramente os seguintes aspectos relacionados coas obras:

1) Que o concello retrasase durante un ano a redacción e exposición pública do I.S.A. Así, a obra xa está hoxe a medio facer sen ter en conta os criterios de protección ambiental, incumprindo a lexislación europea. A escusa plantexada polo concello, a suposta urxencia destas dotacións, parécenos insultante, xa que fronte ao centro de saúde e unha gardería proxectados na zona, déuselle prioridade a un campo de fútbol, xa construído (e inaugurado na pasada campaña electoral).

2) Que o ISA carece de rigor técnico, xa que non segue a estrutura establecida pola Consellería de Medio Ambiente nin se elaboraron correctamente tódolos apartados indicados nel. Isto denota desinterese dos promotores en buscar unha repercusión menos negativa sobre o medio.


3) Ao describir os efectos sobre o ambiente e buscar medidas correctoras, non se tiveron en conta criterios básicos como:

-Respectar o cauce do regato do Revel e o seu bosque de ribeira. Preténdese canalizar o regato nas tres cuartas partes do seu percorrido polo polígono. Isto produce perda de biodiversidade, destrución da paisaxe e aumenta o risco de inundacións, aspectos todos eles que se ignoran no informe presentado polo concello, que mesmo chega a afirmar que “no hay espacios naturales de calidad en el ámbito ordenado”.

-Non fomenta o uso de medios de transporte menos contaminantes. O Plan contempla, ao noso parecer, un exceso de estradas e aparcadoiros que promove o uso do vehículo privado, tratándose dunha zona pequena que rapidamente se percorre andando. É contraditorio que no informe se xustifique a non construción de carril bici debido á pequena dimensión da zona e ao tempo se proxecte a construción de catro estradas de dous carrís.

Por todos estes motivos consideramos que para que o ISA cumpra a súa finalidade e non se quede en papel mollado débense incluír as seguintes modificacións do proxecto:

1- Non executar a canalización do regato nin a destrución do bosque de ribeira asociado.

2- Non construír unha vía para vehículos particulares tan extenso nin con tantos aparcamentos. Consideramos que co vial central, xa construído, e co que da acceso directo á gardería sería suficiente. O CES propón que os outros dous viales plantexados sexan substituídos por un paseo peonil paralelo ao regato, cun posible carril bici.

Con estas medidas a zona proporcionaría unha maior calidade de vida aos cidadáns sen comprometer o acceso en coche a ningún dos equipamentos.

Así mesmo, o CES solicitou á Consellería de Medio Ambiente que tome tódalas medidas necesarias para que esta situación non se volva a repetir e as administracións locais non burlen o cumprimento da lexislación ambiental europea.

Labels: , , ,