O CES solicita a medio ambiente o informe sobre a suposta recuperación do Umia e que se replantexe a construcción do paseo fluvial
Dende o Colectivo Ecoloxista do Salnés acabamos de solicitar unha copia, ou ben a publicación na web, do informe sobre o estado do Umia que a consellería emitiu en abril e no que concluía que a recuperación do río tralo accidente de Brenntag fora moi boa. Xa en xullo solicitaramos dita información e aínda non se nos respostou.
Aínda que valoramos positivamente a rede de seguimento da conca do Umia, na que se fan análises completas en 15 puntos de mostraxe, non comprendemos por que durante o 2007 se fixeron 8 medicións en 6 meses, mentres que no que vai de 2008 só figuran dúas. Tamén observamos que algúns parámetros aínda están en proceso de análise, sendo a última mostra tomada no mes de abril. Por iso solicitamos tamén que se actualicen os datos das análises e se sigan realizando coa mesma frecuencia.
Por outra banda pedimos que se replantexe a construcción do paseo fluvial pactado entre consellería e concellos tras o vertido, xa que este tipo de actuacións destrúen ou impiden a rexeneración do bosque de ribeira, pois fanse sendeiros demasiado pegados á beira do río (non se respecta a franxa de 3 ou 4 m de árbores), con farolas acesas pola noite, que ademais de xerar contaminación lumínica e un gasto enerxético innecesario, alteran os ritmos biolóxicos da flora e fauna fluvial.
Por último solicitamos a información dispoñible no plan de control de vertidos sobre os da zona de Pontearnelas para completar a información recabada nas inspeccións do Proxecto Ríos. Aínda que en principio os datos recollidos nas nosas inspeccións dan valores de nitratos baixos, temos constancia de que os vertidos existen e queremos seguir investigando a súa legalidade, periodicidade e cantidade, pois as nosas inspeccións son ocasionais (2 días ao ano) en nun tramo de tan só 500 m. Polo tanto ditos vertidos poden ser dañinos, aínda que posteriormente os nitratos sexan diluidos ou arrastrados augas abaixo, debido ao gran caudal deste río no tramo baixo. Ademais en ditos vertidos poden existir outras substancias perxudiciais para cuias análises non temos medios.
O Salnés, a 26 de setembro de 2008.
Labels: notas de prensa, Río Umia, ríos