28.9.08

O CES solicita a medio ambiente o informe sobre a suposta recuperación do Umia e que se replantexe a construcción do paseo fluvial

Dende o Colectivo Ecoloxista do Salnés acabamos de solicitar unha copia, ou ben a publicación na web, do informe sobre o estado do Umia que a consellería emitiu en abril e no que concluía que a recuperación do río tralo accidente de Brenntag fora moi boa. Xa en xullo solicitaramos dita información e aínda non se nos respostou.

Aínda que valoramos positivamente a rede de seguimento da conca do Umia, na que se fan análises completas en 15 puntos de mostraxe, non comprendemos por que durante o 2007 se fixeron 8 medicións en 6 meses, mentres que no que vai de 2008 só figuran dúas. Tamén observamos que algúns parámetros aínda están en proceso de análise, sendo a última mostra tomada no mes de abril. Por iso solicitamos tamén que se actualicen os datos das análises e se sigan realizando coa mesma frecuencia.

Por outra banda pedimos que se replantexe a construcción do paseo fluvial pactado entre consellería e concellos tras o vertido, xa que este tipo de actuacións destrúen ou impiden a rexeneración do bosque de ribeira, pois fanse sendeiros demasiado pegados á beira do río (non se respecta a franxa de 3 ou 4 m de árbores), con farolas acesas pola noite, que ademais de xerar contaminación lumínica e un gasto enerxético innecesario, alteran os ritmos biolóxicos da flora e fauna fluvial.

Por último solicitamos a información dispoñible no plan de control de vertidos sobre os da zona de Pontearnelas para completar a información recabada nas inspeccións do Proxecto Ríos. Aínda que en principio os datos recollidos nas nosas inspeccións dan valores de nitratos baixos, temos constancia de que os vertidos existen e queremos seguir investigando a súa legalidade, periodicidade e cantidade, pois as nosas inspeccións son ocasionais (2 días ao ano) en nun tramo de tan só 500 m. Polo tanto ditos vertidos poden ser dañinos, aínda que posteriormente os nitratos sexan diluidos ou arrastrados augas abaixo, debido ao gran caudal deste río no tramo baixo. Ademais en ditos vertidos poden existir outras substancias perxudiciais para cuias análises non temos medios.

O Salnés, a 26 de setembro de 2008.

Labels: , ,

8.5.08

O Umia en primavera: a actividade de maio

Actividade aberta de maio
O CES ORGANIZA UNHA XORNADA DE INVESTIGACIÓN DO RÍO UMIA

O Colectivo Ecoloxista do Salnés organiza a actividade aberta mensual correspondente a este mes: O UMIA NA PRIMAVERA. María Sánchez, educadora ambiental y Raquel González, bióloga e ambas socias do CES, guiarán a actividade, mostrándonos dun xeito práctico a metodoloxía que se segue e os obxectivos que se perseguen dentro do programa PROXECTO RÍOS. O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsables da vixilancia (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade.

A actividade realizarase o sábado 10 de maio ás 10 da mañá na ponte vella de Ponte Arnelas (entre Vilanova e Ribadumia) para, dende alí, dirixirnos a unha zona próxima. Inspeccionaremos un tramo duns 500 m do río Umia. Terá unha duración aproximada de dúas horas.

Esta actividade, que xa realizamos en outubro do ano pasado, ten afán de continuar no tempo para poder levar a cabo unha comparativa dos datos e avaliar o estado do río ao paso pola nosa comarca. Así, ao igual que no 2007, comprobaremos a canle, a auga, a flora e a fauna para ir recollendo datos do estado ambiental do río Umia.

É recomendable levar unhas botas de goma para andar pola auga.

Esta actividade é aberta a todos os públicos e é de balde.

Labels: , ,

1.11.07

Actividade de outubro: Apadriña o Umia


O Proxecto Ríos baséase nas inspeccións dos ríos galegos por parte de voluntarios dúas veces ao ano.
Participamos neste proxecto coa actividade aberta do mes de outubro. Quedamos o pasado sábado 27 de outubro ás 10 da mañá na ponte vella de Ponte Arnelas, entre Vilanova e Ribadumia, para, dende alí, dirixirnos a unha zona próxima. 
Inspeccionamos un tramo duns 500 m do río Umia durante un par de horas.
Comprobamos a canle, a auga, a flora e a fauna. 
Estas son as fotos do día:



Labels: , ,