18.6.06

Excursión anual: De Fisterra a Muxía



O domingo 25 de xuño, o Colectivo Ecoloxista do Salnés fará a súa excursión anual polo occidente da Costa da Morte.
Coñeceremos esta abrupta paisaxe na que a pedra ten un papel protagonista, que alcanza tamén á mitoloxía e á relixiosidade.
Visitaremos o Cabo da Nave –o lugar máis occidental de Galicia–,
Fisterra e Touriñán e tamén a tranquila e pequena Ría de Lires.
Lembra levar a comida e roupa e calzado cómodos.
¡Anímate!
Saímos ás:
8:30 O Grove
8:50 Portonovo
9:15 Cambados
9:30 Vilagarcía
Podes comprar os billetes en:
O GROVE
Estanco nº 3
(R/Alexandre Bóveda, fronte ó Bar Giso)
Quiosco Antía (Praza de Arriba)
PORTONOVO
Quiosco de Mandita
CAMBADOS
Casa de Cultura de Fefiñáns
VILAGARCÍA
Librería Arousa (Edelmiro Trillo, 19)

Labels:

17.6.06

Un endemismo escondido do pisoteo

Desde hai anos o Colectivo Ecoloxista do Salnés está intentando defender a duna de Baltar ante numerosas agresións que a veñen degradando. Déronse demasiadas accións destructivas sobre a duna: desbroces, pisoteo, instalacións diversas..., aínda que tamén algunha positiva, entre elas o recente retranqueo da pasarela de madeira que significou o seu traslado alguns metros cara terra, así como a plantación dunha especie formadora de duna, o feo das praias, todo para permitir que a recuperación dunar fora maior e garantir así o perfil da praia.
Hai dous anos promovimos unha campaña intensa que pretendía facer entender aos veciños e ás administracións a necesidade de preservar os valores destas dunas. Previamente á campaña fixemos un estudo sobre esta duna, no que lle demos especial relevancia a un apartado referente á súa flora. Ao realizar un inventario exhaustivo da vexetación, comprobamos con certa decepción que faltaba una especie, quizais unha das máis simbólicas e representativas das dunas galegas, unha planta endémica (ou exclusiva mundialmente) do Oeste Peninsular que ademais, debido á destrucción sistemática das dunas nestas últimas décadas, xa desaparecera dunha boa parte dos areais galaico portugueses. Trátase do Iberis procumbens, ou carraspique, unha planta de duna, belísima. A mediados de xuño deste ano, na época de floración, demos unha volta polas dunas de Baltar, sin intención algunha, só para disfrutar das flores. A nosa sorpresa foi enorme. No espazo que deixou ao descuberto a antiga pasarela, apareceron catro especies propias de duna que non estaban no catálogo, entre elas a nosa super star "Carraspique". Ademais apareceu unha lavanda (Lavandula stoechas) planta que nesta zona só se atopa en dunas, a herba de namorar (Armeria pubigera) e o Othantus marítimo, unha fermosa plantiña de follas verde azuladas e flores en cabezolas amarelas. Estas especies puideron resistir a sombra da pasarela, pero non o pisoteo, o desbroce e a falla de sensibilidade que se tivo ata agora con esta duna. Protexidas baixo a pasarela agardaron anos. Parece que agardaron por nós e agora nos dan a alegre nova. Noraboa plantiñas, seguiremos loitando por vos.

3.6.06

UN DÍA (5 de xuño, día mundial do medio) E UN LIBRO (Árbores de Galiza)


O próximo luns, 5 de xuño, "Día Mundial do Medio", realizarase ás 20 horas no IES Francisco Asorey (Cambados) a presentación do libro "Árbores de Galicia", publicado pola editorial A Nosa Terra e do que son autores varios socios do CES.
A presentación está organizada polo IES Francisco Asorey, pola Federación de Libreiros de Pontevedra e polo Colectivo Ecoloxista do Salnés.