4.2.07

No DÍA DOS HUMEDAIS o CES reivindica a aprobacion do P.O.R.N. do Complexo Intermareal Umia-O Grove

















O Colectivo Ecoloxista do Salnés reivindica, con motivo da celebración o 2 de febreiro do Día dos Humidais, a aprobación definitiva do PORN (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais) do Complexo Intermareal Umia- O Grove.

O Plan de Ordenación dos Recursos Naturais é un instrumento de planificación imprenscindible para determinar que actividades se poden realizar e cales non en calquera espazo protexido. A lei obriga a elaborar dito plan para calquera espazo protexido, e a administración autonómica leva máis dunha década afirmando que a súa elaboración e aprobación son inminentes.

Aínda que este espazo ten a figura de Humidal Protexido, a súa protección e conservación non poden ser realmente eficaces sen o dito Plan de Ordenación.

Proba delo é que en todo este tempo transcorrido, dito espazo leva sufrido gran cantidade de agresións de todo tipo: vertidos sólidos e líquidos, recheos, construccións ilegais e/ ou agresivas co entorno... …), e outros moitos ameazan con converterse en realidade (campos de golf, porto deportivo, calificación de solo urbanizable dentro do espazo protexido…).

Isto demostra que o grao de protección actual non é suficiente para a súa conservación real e efectiva, e así se pon de manifesto nos dous estudos do estado do litoral de dito espazo que no CES elaboramos nos anos 1999 e 2005.

O CES quere recordar que os humidais atópanse entre os ecosistemas máis produtivos, complexos e fráxiles do planeta, xogando un importante papel ecolóxico, económico e social. Así, cumpren funcións tan importantes como: reserva de biodiversidade, retención de sedimentos, filtración de tóxicos, suministro de auga, control de inundacións... Por elo se están tomando medidas tendentes á súa protección real a nivel internacional.

No noso caso, trátase dunha zona que ademáis de servir como área de descanso de case 200 aves migratorias, actúa como viveiro natural de inmumerables especies comerciais de moluscos, crustáceos e peixes, polo que sustenta gran parte das actividades pesqueiras e marisqueiras dunha ampla zona da Ría de Arousa.

Unha vez máis, o CES reivindica por escrito á Consellería de Medio Ambiente que dita aprobación sexa por fin unha realidade no ano 2007.

0 Comments:

Post a Comment

<< Home