31.1.09

Observando as aves do Carreirón


Achegamos unha fotografía da actividade aberta do Colectivo Ecoloxista do Salnés, titulada "As aves do Carreirón".

Xuntámonos arredor de vinte persoas coa fin de observar as aves acuáticas que se deixaran ver no litoral de Punta Carreirón, na Illa de Arousa.

Comezamos ás 10:30 e rematamos ao mediodía, disfrutando dunhas horas de sol bordeando toda a península de Carreirón.

Coa axuda de varios prismáticos e 4 telescopios vimos garzas e garzotas, gaivotas patiamarelas, gaivotas choronas, corvo mariño grande e corvo mariño cristado ademais de varias especies de limícolas. Destacou a observación de dous parrulos propios de augas salgadas: un mergo cristado e un parrulo pentumeiro, que non son doados de ver.

Ademais unha manda duns 12 arroases pasaron preto de nós.

Tamén recollimos algo de lixo e varias plantas pequenas de Uña de gato (Carpobrotus sp), unha planta invasora que coloniza a zona de duna, desplazando ás plantas propias.

Toda a actividade transcurriu nun ambiente agradable e sen incidentes.

Labels: , ,

23.1.09

Actividade de Xaneiro: As aves do Carreirón


PERCORRIDO ORNITOLÓXICO POLA ILLA DE AROUSA

O sábado 31 de xaneiro ás 10:30 da mañá quedaremos na entrada do espazo natural de Punta Carreirón na Illa de Arousa.

Faremos un percorrido por esta interesante costa observando as aves mariñas na compañía dun ornitólogo, axudados de telescopios e prismáticos.

Se tes telescopio ou prismáticos lévao tamén. E calzado e roupa axeitada. ¡Anímate!

As actividades abertas mensuais son de balde. Non se precisa ser socio.

Labels: , , ,