O Dia do Medio Ambiente invita á reflexión sobre o medio de vida
5 de xuño: Día de Medio Ambiente, data que dende o Colectivo Ecoloxista do Salnés consideramos un día de reflexión sobre o modelo de progreso que a sociedade quere para si mesma.
Quizais, tras unhas eleccións municipais, se debería adicar este día a facer balance da xestión medioambiental dos nosos concellos, e da comarca do Salnés.
Dende o Colectivo Ecoloxista do Salnés queremos facer unha invitación ás novas corporacións dos concellos da nosa comarca a sacar adiante políticas de verdadeiro Desenvolvemento, é dicir, do Sostible.
Realmente queda moito por facer a nivel ambiental. Facendo unha pequena análise da situación, o CES cree que na nosa comarca hai algúns aspectos ambientais que precisan dun impulso técnico e político maior:
• Deseñar parques empresariais onde as medidas de control de contaminación de augas e ar e ruídos queden minimizadas. Os ata agora construídos non o fan.
• Crear e impulsar liñas de transporte colectivo entre as vilas da comarca do Salnés, con alta frecuencia de paso. Esta liña deberíase completar no verán cunha liña cuxo destino foran as principais praias da zona: A Lanzada, Major, Montalvo, Areas, Area da cruz...
• Englobar dentro das políticas urbanísticas, o coidado da paisaxe e o respecto ás áreas de interese natural e patrimonial.
• Levar a cabo un plan de aforro enerxético para os nosos concellos, instalando luces de baixo consumo, evitando puntos de luz innecesarios, campañas de educación ambiental ao cidadá...
• En canto á xestión de residuos: a nivel comarcal o Salnés debería contar cunha planta de reciclaxe de entullos e outra da materia orgánica para facer compost. Esto permitiría reducir a cantidade de residuos producidos no concello (baixando así o custe do recibo do lixo), e darlle un novo uso aos residuos. Tamén é necesario ampliar o número de contentores de recollida selectiva, facendo principal fincapé no rural.
• Poñer en valor e protexer realmente os espazos naturais da nosa comarca, especialmente o Humedal Protexido Umia-O Grove, o noso litoral e os nosos ríos.
• Adecuar as depuradoras de augas residuais domésticas ás necesidades reais dos concellos, ampliando a rede de saneamento tamén ao rural.
Os responsables da implantación das políticas ambientais nos concellos deberían comezar, denantes de nada, a crerse que a conservación da natureza non é un escollo para o progreso, senón a base dunha boa economía e grande calidade de vida.
O CES sempre estará disposto a axudar nestes proxectos.
Labels: Dia do Medio Ambiente
0 Comments:
Post a Comment
<< Home